Nesta gráfica que temos á esquerda podemos ver os máis de 30 referendos independetistas que se produciron no mundo desde o final da II Guerra Mundial até o desta noite pasada en Escocia. As nacións independizadas nunca decidiron dar marcha atrás posteriormente, mentres que noutros países como Quebec as ansias de liberdade fan que se formule a pregunta de novo cada certo tempo.
En Escocia onte perdeu en votos a posibilidade de se constituíren nun estado diferente, mais gañou con contundencia unha expresión de democracia que envexamos desde o Estado español, reafirmouse a consideración de Escocia como país e ademais conquistáronse novas cotas de autogoberno. Veremos como vai evoluíndo isto nos anos seguintes, pois a sensación global é que o proceso escocés xa é imparábel a medio prazo.
Agora tócalle a vez a Cataluña. Oxalá o Estado español sexa capaz de actuar co mesmo respecto que vimos estes días aló ao norte e os medios de comunicación con maior influencia deixen de intoxicar do xeito que o están a facer contra esta nación mediterránea.
A propósito, algo que me fai moita graza na comparación de ambos os procesos de referendo independentista é ver a contradición entre as ameazas dos unionistas. En Escocia metíanlles medo repetindo que, como gañase a independencia, ían ficar eles sós na Unión Europea mentres o resto do Reino Unido pensaba en se ir; en Cataluña, ao revés, escoitamos que se gañase a independencia terían que se ir da Unión... En Escocia dicíanlles tamén que como gañase a independencia ían ter que pasarse para o euro, mentres en Cataluña a ameaza é de novo a inversa: se gañase a independencia ían ter que deixar o euro. Son contradicións bastante ilustrativas de que o único que se persegue é amedrentar.
En fin, o que se reclama é sensatez, diálogo, democracia e respecto ao dereito de autodeterminación. Para Escocia, para Cataluña, para Galiza, para as nacións sen estado do mundo.
Nenhum comentário:
Postar um comentário