Salvador Allende foi enterrado o día 12 de setembro de 1973, nunha sepultura sen lápida e nun funeral vergoñento ao cal só permitiron a asistencia de sete persoas, entre elas a viúva do presidente, Hortensia Bussi. Todo transcorreu baixo o control das forzas militares que se sublevaron contra a que, até ese momento, era a democracia máis antiga de toda América Latina.
Hortensia Bussi esconxurou o medo e, no sepelio, exclamou para que puidese sentila toda a xente posíbel, non só os sete presentes e os soldados que os vixiaban: "¡Aquí enterramos a Salvador Allende, presidente de Chile!" Non é difícil comprender todos os riscos que lle supuña ese berro de afirmación e dignidade.
A lápida non tivo nome, mais durante toda a Ditadura nunca, nunca, nunca lle faltaron flores.
Mesmo hoxe, que hai xa máis de vinte anos que Salvador Allende recibiu o funeral de Estado e a homenaxe nacional que lle correspondían, o lugar onde un día repousou clandestinamente o seu corpo continúa a recibir flores e mostras de afecto.
Hortensia Bussi conseguiu que pervivisen ríos subterráneos de memoria baixo a crueldade, a amnesia e a manipulación da Ditadura. A súa valentía non foi en van.
Nenhum comentário:
Postar um comentário