Estou xa, non coas últimas, senón coas derradeiras probas de edición do meu primeiro título no xénero poético, que sairá da man de Xerais nas próximas semanas. Vaise titular Atravesar o fantasma e nel peneiro os versos que escribín desde os anos finais da adolescencia até o momento en que fixen os trinta e cinco.
Tempo haberá de irmos conversando sobre máis cousas deste libro, mais si vos quero recoñecer que non só estou feliz senón tamén algo nervioso porque, aínda que xa me galardoasen nalgúns premios de poesía, non me daba atrevido a publicar un volumiño coa miña creación neste xénero. Así que, malia ser o sexto volume que dou ao prelo, confeso que a súa saída me produce sensacións novas, diferentes ás das outras obras que editei, todas elas ensaios.
En fin, axiña estará nas librarías e, xunto coas páxinas de Atravesar o fantasma, iranse despregando tamén máis formas de diálogo cultural que teñen o seu punto de partida no libro.
Agora mesmo, cando procuro en Google "Atravesar o fantasma", entre aspas para conseguir o resultado exacto, aínda non sae nada. Está nese momento previo que ten toda obra antes de se dar a coñecer. Confío en que cedo, moi cedo, xa vaian aparecendo cousiñas :)
Ah! E sobre todo, desexo que gustedes do libro! Xa me diredes!
Nenhum comentário:
Postar um comentário