No día de onte A Mesa pola Normalización Lingüística (á cal vos deberíades asociar se aínda non o fixestes) denunciaba algo que tería de abrir todos os informativos galegos, porque é outra dura demostración de que as persoas que queremos vivir en galego padecemos unha cidadanía de segunda.
A Mesa pediu -coma sempre fai- que unha notificación da Axencia Tributaria lle chegase en galego. A Lei di que temos este dereito, aínda que sexa un dereito concibido na práctica como unha consolación moi discriminatoria: recibirás todo en español e terás que pedir unha e outra vez a tradución se o quixeres en galego. Malia ser un dereito miserento, hai que exercelo, hai que reclamalo. E A Mesa fíxoo.
Como desde a Axencia Tributaria non lle enviaban a tradución, desde a maior asociación cultural de Galiza presentaron outro escrito dous meses despois, recordando que estaban á agarda da notificación en galego. A resposta que recibiron por parte desta Administración que debería cumprir escrupulosamente coa Lei é unha sanción de 150 euros por “resitencia, obstrucción, excusa a las actuaciones de la Administración Tributaria” (!!!). Dito rapidamente, a Axencia Tributaria non só incumpre a Lei senón que sanciona a quen pide o seu cumprimento. Todo nunha comunicación escrita única e exclusivamente en español, para subliñar o seu desprezo ao noso idioma e á lexislación que o recoñece.
O presidente da Mesa, Marcos Maceira, ten toda a razón cando cualifica o feito de "ilegal e indecente" e cando valora esta disparatada sanción como "mostra de como o Goberno do PP usa as administracións de todas e todos
para impor a súa ideoloxía excluínte por medio da represión".
Temos que activarnos e mobilizarnos contra toda esta represión. Só así poderemos conquistar o futuro que nos queren negar.
Nenhum comentário:
Postar um comentário