9 de nov. de 2014

"É nove de novembro". Artigo para Sermos Galiza


Aínda que os medios españois se empeñen en caricaturizalo como "el desafío de Artur Mas", o amplísimo movemento social que fixo posíbel a consulta independentista está encabezado por dúas mulleres: Muriel Casals, a presidenta de Òmnium Cultural, e Carme Forcadell, a presidenta da Assemblea Nacional Català. Elas amósannos, de novo, que se conxuga en feminino a parte da humanidade que marca o paso da ousadía, que se atreve a viaxar cara a horizontes que os cálculos a curto prazo nunca deixarían enxergar. Iso é así malia os focos se deteren sobre todo no protagonismo político daquela parte da humanidade que ten máis pelos na cara.

Mais vou pararme noutras cuestións. Supoño que as persoas que estades a ler estes parágrafos xa vistes o spot en que diferentes personalidade públicas catalás chaman ao voto para hoxe. Refírome, si, a ese en que alzan a fotografía dunha persoa falecida e exclaman "Votaré per tu", até que xa no final unha nai afirma que participará pola crianciña que ten nos brazos. É un país en andamento, con memoria e con futuro.

Nese vídeo, Carme Forcadell di que votará por Martí Gasull. El foi un dos promotores, nos comezos da década de 90, da Plataforma per la Llengua, asociación irmá da nosa Mesa. Martí imprimiulle a esa nova entidade un pulo xenuinamente creativo, inconformista e dinámico que incidiu moito no progreso social da lingua catalá nos últimos tempos. Porén tamén debemos saber da súa fonda solidariedade, o seu apoio e a súa disposición xenerosa a axudar á causa galega naquilo que estivo na súa man. Comprendede por iso que me emocionase un pouco ao ver a súa fotografía.

Cando Martí Gasull morreu nun accidente de alpinismo aos 43 anos, en setembro de 2012, apareceron unha chea de comentarios nas redes sociais e nalgúns blogues felicitándose polo falecemento e insultándoo. A maioría -mesmo talvez a totalidade- dos que así atouzaban non o coñecían nin de referencias, só acababan de saber que un defensor do catalán morrera e iso era motivo suficiente para lanzaren os seus hurras infames e noxentos.

Non vou reproducir ningunha desas covardías, mais son exemplos desa intolerancia gravísima, consentida polo poder sen ningún tipo de consecuencia, que explica por que cada vez máis catalás e cataláns se decataron de que conquistar o respecto colectivo que merecen pasa por conquistar a soberanía que, como nación, de seu lles corresponde. Porque, non o esquezamos, os primeiros independentistas son os que se empeñan en negar a realidade plurilingüe, pluricultural e plurinacional dos territorios que, de forma tan xerarquizada, conforman o Estado español.

Um comentário:

  1. Ola. Levabas tempo sen escribir no Sermos. A verdade é que gostaria de ler o "Filgueira, vade retro! (3)". No artigo "Filgueira, vade retro! (2) prometías falar no futuro da cuestión parasitaria. Eu gostaria de verdade que se fixese pública a verdade sobre ese tema. Hai uns meses lin uns comentarios a un artigo de gabanza a Filgueira (anterior ao nomeamento para o Día das Letras 2015), e eses comentarios falaban tamén sobre a autoría de certos artigos atribuidos a Filgueira Valverde. Desgraciadamente, non os dou atopado mais. Penso que os lin en Pontevedra Viva. Onde hai mais información? Paréceme grave que haxa dúbidas sobre os seus traballos, mais se o van homenaxear por eles.

    ResponderExcluir