16 de jan. de 2015
Atravesar o fantasma, nos premios Fervenzas Literarias
O público do web Fervenzas Literarias elaborou, como cada inverno, unha listaxe sobre o que considera o mellor da literatura galega do ano que acaba de pasar. Dores Tembrás, Xosé Ramón Pena, Agustín Fernández Paz, Luís Davila, Alfonso Pexegueiro, Oli, Xesús Fraga, Ledicia Costas, David Pintor, Víctor Rivas, Armando Requeixo, María Fe González e Ramón Nicolás foron as persoas escollidas como mellores representantes do que a nosa cultura do libro ofreceu. Parabéns para cada unha delas, así como para as entidades colectivas tamén galardoadas (Culturgal, Galaxia, Couceiro de Santiago e Praza), pois son magníficos expoñentes de que Galiza ten moito para dicir e para dialogar co mundo.
No que me toca de xeito máis directo, quero agradecer os votos que tiveron en consideración o meu libro Atravesar o fantasma. Foi seleccionado xenerosamente como o 4º mellor poemario en galego de 2014 e cunhas compañeiras e uns compañeiros de auténtico luxo: a antes citada Dores Tembrás, María do Cebreiro, Eva Veiga, Manuel Álvarez Torneiro, Gonzalo Hermo, Luís Rei Núñez, Xosé Iglesias (tamén, coma min, co seu primeiro libro neste xénero), Marta Dacosta e Yolanda Castaño.
Así mesmo, alegroume infinito saber que a cuberta do poemario ficou como segunda nas votacións á mellor dun libro de adultos en galego do ano 2014. O deseño da colección é de Miguel Vigo e a fotografía concreta é autoría de Pauloff, en conversa cun cadro de John Kirby. Moi obrigado e moitos parabéns para eles!
Por razóns persoais tiven que pospor os actos de presentación de Atravesar o fantasma e tampouco puiden avanzar o suficiente nos proxectos culturais paralelos ao libro (un deles, moi vencellado co fotógrafo Pauloff). Cando sexa posíbel dar novas sobre calquera destas cousas, irei avisando por aquí, con certeza.
Viva a nosa cultura!
Assinar:
Postar comentários (Atom)
Nenhum comentário:
Postar um comentário