Entre o traballón que realiza Manuel Bragado como editor está o de publicar no seu blogue, o decano
Brétemas, crónicas sobre a maioría dos actos en que participa. Velaquí a que escribiu arredor da conversa sobre psicanálise, poesía e vida de
Atravesar o fantasma. Permitídime antes que, tamén desde esta miña paxiniña, reitere o agradecemento e os abrazos para cada unha das persoas que ateigastes a libraría Couceiro nese serán en que tantos actos había na capital galega. Agora si vai a crónica ;)
Onte 1262: "Atravesar o fantasma"
Encheuse onte o terceiro andar da Libraría Couceiro de Santiago no acto de presentación de Atravesar o fantasma, o primeiro libro de poemas de Carlos Callón. Comezou o acto coa estrea do videopoema «O desexo está na pantalla», unha peza audiovisual de minuto e medio
sobre un poema do libro, dirixida por Alberte Paz Calo e Alba Romero
Diéguez, interpretada por Antón Blanco Casás e Luis Miguel Gendre.
Interviu despois Fran Conde, profesor da Facultade de Filosofía, que leu
un texto composto con versos dos poemas de Atravesar o fantasma.
Confesou que o libro lle gustara moito. «Non sei se os poemas de Carlos
son optimistas ou pesimistas, mais sei que están cheos de madurez.
Servíronme de espello, porque comparten o enigma do diván, o enigma do
corpo do outro en forma de sete.» «Este libro é como pasar polo teatro
sen aplausos quebrando o diván, que é unha forma de definir a
psicanálise.» «Un libro que toma conciencia da pulsión da morte en
freudiano, do goce en lacaniano, e das tentacións suicidas en
calloniano.» «A psicanálise coma experiencia para literaturizar o medo,
para buscar as palabras que faltan.» «No libro o desexo é o baleiro
entre as liñas.» «"O lobo constrúe casas e destrúe soños", quizais sexa
o verso que mellor o define» apuntou Fran Conde para despois rematar o
seu discurso dicindo que «este é un libro cheo de espellos, un lugar
onde buscar a propia identidade, que sabemos está na propia procura, que
non é outra cousa que a psicanálise.»
A seguir interviu a xornalista Montse Dopico
que antes de comezar a conversa co autor cualificou o libro de
activista, «forma parte dunha tendencia da literatura galega actual da
afirmación do político dende o íntimo», «Un libro que reivindica o
dereito á diferenza. Carlos Callón quere ser un activista do desexo e
perseguilo». Na súa primeira intervención Callón defendeu a escritura de
elexías. «Hai unha frase de Lacan que debería imprimirse en camisolas: "Un só pode sentirse culpable de non seguir o desexo". Eu a poesía que
desexo escribir é esta, a pesar de que poeta a quen lle pasei no seu
momento algúns destes poemas díxome que “escribir elexías é unha
patraña”. Eu penso que chorarmos polas nosas propias perdas é algo
indispensable.»
Cando Dopico preguntou sobre as pulsións de vida e de morte que
atravesaban todo o libro, Callón afirmou que «todos os meus libros teñen
vontade comunicativa, quizais coa excepción do primeiro, sobre a poesía
galega de Lorenzo Varela. Este tamén. Son consciente que ten niveis de
lectura e o que comprenda cada lector ben entendido está.» «En todo caso
son consciente de que “Atravesar o fantasma”, o título do libro, é un
concepto lacaniano. Todo o texto está transido de Lacan.»
Preguntado por Dopico sobre a súa reivindicación dunha sexualidade
disidente, Callón confesou que «a miña experiencia homosexual hai vinte
anos é moi diferente á dos meus alumnos. Para entender esta mudanza foi
radical o caso de Jesús Vázquez
“o Bo”. No libro hai poemas daquela época que lembran que non hai eros
sen tánatos, tanto para a homosexualidade coma para a heterosexualidade.
Eu conto dende min, falo de min, mesmo cando o fago de forma
incosciente. Quero que o libro se lea como un poema que fala de min e
dende min.» «Non hai eros sen tánatos, continuar vivo é continuar
ferido», lembrou facendo referencia ao derradeiro poema dun libro onde
as cifras teñen importancia: «35 poemas cando cumprín 35 anos, cinco
partes con sete poemas cada unha.» Rematou Callón a súa derradeira
intervención dicindo: «unha das mensaxes do libro é a de recoñecermos as
fendas, as faltas e que sen ferida non hai vida. Mellor é sabermos e
recoñecermos que non hai vida sen ferida.»
Nenhum comentário:
Postar um comentário