Con motivo da presentación este serán do poemario Atravesar o fantasma, o xornalista Enrique Carballo fíxome unha entrevista para o xornal La Opinión de A Coruña. Podédela ler aquí. Vin, de novo, o difícil, mesmo o dificilísimo, que me é responder preguntas sobre este libro. Como se transmite a poesía sen facer trampas coa linguaxe? Pódese?
O titular pode sorprender, mais despois xa se matiza no interior. Non estou, claro, en contra de que teñamos momentos de felicidade e os poidamos comunicar, senón contra os imperativos que expresa a chamada psicoloxía positiva e a negación forzada -como se fósemos o Joker de Batman- de todo o que non sexa ha, ha, ha. Negar a tristeza, o sofremento e as perdas son absurdos que nos conducen a algo peor.
Por outra banda, deixádeme tamén que faga un outro matiz, que non souben transmitir como debería e sobre o que existe confusión na nosa sociedade. Non é o mesmo a Psicoloxía (que é unha determinada disciplina académica e profesional, por todas e todos coñecida) que a Psicoterapia (que é un proceso ou técnica de cura dunha doenza psíquica concreta) que a Psicanálise (a teoría da subxectividade cunha práctica clínica que non é psicoterapéutica, senón onde a cura se produce a maiores, mais non como un a priori buscado ou que puider resultar unha falsa saída). Supoño que non lle interesarán estes matices xerais a moita xente, mais non ficaba satisfeito se non os comentaba aquí :) Para este libro o importante foi o encontro coa Psicanálise.
Quero agradecer tamén en particular a Enrique Carballo e ao xornal La Opinión por ofreceren este amplo espazo a unha conversa sobre a nosa literatura e, ademais, transmitida na nosa lingua.
Nenhum comentário:
Postar um comentário