- Todo o que sexa menos dereita cavernícola e menos centralismo é positivo.
- Son nacionalista galego e vouno continuar a ser sexan cales foren os ciclos electorais. Acredito na autoorganización e son feliz defendendo estas ideas de convivencia, xustiza, liberdade e igualdade. Aí estiven, aí estou e aí estarei.
- As mudanzas de ventos electorais son nestes tempos tan rápidas que o que vale pola noite xa non vale na madrugada. Cómpre pensar, mais non precipitarse con fotos fixas.
- A miña impresión é que o BNG saíu reforzado en militantes e novos cadros destas eleccións. Iso non se acompasou cos resultados electorais agardados na maioría dos concellos e, en especial, en varias das cidades.
- Porén, tamén hai varias boas novas no cómputo electoral: o BNG aumenta o número de representantes no conxunto de Galiza, case duplica o número de maiorías absolutas, aumenta o número de concellos en que pode ser forza de goberno e, presumibelmente, terá a vicepresidencia de tres das catro deputacións galegas. Ademais, mantense como 3ª forza no conxunto do país e a décimo primeira do Estado en número de concelleiras e concelleiros. Tras todos os danos recibidos por esta marca electoral nos últimos tempos, non é pouco!
- As outras forzas saídas do BNG e que se posicionan no campo nacionalista e/ou galeguista tiveron algúns grandes éxitos simbólicos, ben nas coalicións en que participaron ou que apoiaron (sobre todo as tan citadas A Coruña e Compostela) ben en solitario (a sorpresa de Lalín). Non vou ocultar que me preocupa a dependencia madrileña dalgunhas das forzas coaligadas nas chamadas mareas. Tamén hai que observar que o que gañan no cualitativo non o gañan no cuantitativo en votos / representantes no conxunto de Galiza e talvez iso deba ser razón para a reflexión pola súa banda.
- Non está moi claro que pode acontecer nas vindeiras eleccións Xerais. Sería un desastre que se perdese a voz do nacionalismo galego no Congreso, máxime nun tempo en que se van debater moitas cuestións fundamentais para o futuro do noso país.
- A grande imaxe da noite para min foi o rostro de Alberto Núñez Feijóo na súa comparecencia. Os principais gobernos locais que lle restan serán a un prezo elevadísimo nos pactos e perde todas as deputacións, xa que a de Ourense fica nas mans dos Baltar, inimigos internos. Parece evidente que non se vai presentar á reelección como presidente da Xunta e mesmo o seu salto á política estatal se ve gravemente comprometido.
- Estou moi alegre porque o PP perdese a maioría absoluta na miña vila natal, Ribeira (só teño un recordo infantil de que iso acontecese con anterioridade!), e porque o BNG continúe como segunda forza do Concello, subindo mesmo en porcentaxe de voto a respecto da anterior convocatoria. Ábrese un novo ciclo de moito interese.
- É un mazazo a perda da representación do BNG nas cidades de Vigo e Ourense. Haberá que ver caso por caso todo o que hai que facer para que a situación mude, e facelo. O nacionalismo é demasiado necesario. Iso si, como xa dixen máis veces e tamén con outras forzas, non podo deixar de apuntar o inxustísimo dunha lexislación electoral que provoca que, como nestes casos, o 4,82% e o 4,58% das persoas votantes fiquen sen representación a pesar de que, aritmeticamente, si lles correspondería.
- Unha das peores novas da xornada é a maioría tan absoluta de Abel Caballero, que todo apunta a que quere asumir o negativo papel de "Paco Vázquez do sur". Por exemplo, parece que vai ser o único alcalde dunha cidade galega que se negue a falar con normalidade no seu cargo no idioma do país. Esa actitude é unha declaración de intencións sobre moitas máis cousas, como é ben sabido.
- Hai moito que traballar tamén para que as eleccións sexan limpas e máis libres. Continúan a producirse casos de carretaxe, actitudes agresivas verbalmente por parte de representantes do PP polo menos nalgunhas zonas, etc. Sei ben do que falo, pois onte vin e vivín ambas as situacións no colexio electoral en que estiven...
25 de mai. de 2015
Algúns flashes do día despois
Assinar:
Postar comentários (Atom)
Nenhum comentário:
Postar um comentário