23 de jul. de 2015

"O desexo está na pantalla" - Xa está en liña o primeiro videopoema de Atravesar o fantasma

Até o momento só puideran ver o primeiro videopoema do libro Atravesar o fantasma as persoas que asistiron ao acto que, sobre este libro, se realizou o pasado 12 de marzo na Libraría Couceiro de Santiago de Compostela.

Desde hoxe, xa está en liña o traballo realizado por Alberte Paz Calo e Alba Romero, coa música de Kai Engel e as actuacións de Antón Blanco Casás e Miguel Gendre.

Desexo que gustedes!

O desexo está na pantalla | Videopoema from Alberte Calo on Vimeo.

22 de jul. de 2015

Crónica de novos xaques ao galego


O SERGAS pospúxolle unha operación case dous anos a un paciente porque este solicitou a documentación en galego; en concreto, o que pedía ter no noso idioma común é o "consentimento informado" que todas e todos temos que asinar para dar fe de que coñecemos e admitimos a intervención que nos indican. Este feito, que o SERGAS non nega, supón a conculcación dos dereitos lingüísticos máis básicos e un novo xaque ao recoñecemento do galego como lingua oficial.

O paciente, con toda a dignidade, decidiu levar por iso o SERGAS aos tribunais. Como a min me acontecera unha situación semellante hai uns anos, pediume que fose de testemuña para contar o meu caso, porén o xuíz finalmente decidiu non admitir esa proba oral, que axudaría a corroborar unha discriminación repetida.

Desde A Mesa, con representantes tamén da CIG-Saúde e do BNG, acompañouse a xornada cunha concentración simbólica de apoio ás portas do xulgado de Compostela. Cando chegamos, vimos que había varios medios e alegrámonos polo eco que ía ter a nova, mais... o certo é que os medios, que aproveitaron porén para recoller declaracións, estaban para cubrir a parte sensacionalista do día, sobre o crime da pequena Asunta Basterra. De feito, canto desta nova vistes nalgún medio? Imaxinade que relevo tería, polo contrario, se lle pospuxesen unha operación a alguén -que digo dous anos? unha semana!- por pedir a documentación en castelán...

O momento máis esperpéntico da xornada produciuse cando o avogado dos seguros Zürich, contratados pola Xunta, se negou a falar en galego. O paciente e denunciante púxoo en evidencia e reclamou que, xa que o representante contratado pola Xunta non quería usar o galego, que se lle puxese un intérprete. O xuízo pospúxose por iso algo máis de media hora.

Cantas cousas temos para aprender deste día: as discriminacións que continúan con forza por parte de quen debería ser o primeiro defensor da nosa cultura (o Goberno galego); a marxinalidade mediática dos nosos problemas culturais centrais, os decisivos para o futuro dun idioma vivo; porén, sobre todo, a pervivencia dunha mobilización e dignidade que se nega a permitir que sexamos cidadáns e cidadás de segunda. Non, non o permitiremos.

21 de jul. de 2015

O Instituto Cervantes en Galiza



Seica hoxe comeza en Santiago unha reunión dos directores e directoras do Instituto Cervantes, un organismo público creado para internacionalizar os idiomas do Estado español ("lengua española, así como de las lenguas cooficiales en España", din con xerarquía e eufemismo).

A capital de Galiza é un marco moi acaído para tomaren a decisión de deixar de marxinar a cultura galega: de ofertaren cursos de galego polo mundo (que eu saiba, nestes momentos só o fan nunha cidade en todo o planeta), de internacionalizaren as nosas artes en igualdade, de ofreceren versión en galego da súa páxina web e das súas principais publicacións, de respectaren a nosa toponimia...

A lingua galega existe. Os impostos con que mantemos este organismo existen. A lexislación que crea e ordena este organismo e o obriga a que teña tamén presente a diversidade de idiomas no Estado existe. Outra cousa é que preferisen que non existise nada diso e que por iso actúen con tal deprezo.

16 de jul. de 2015

Atravesar o fantasma continúa entre os poemarios máis vendidos. Grazas!


Recibín con alegría a nova de que Atravesar o fantasma continuou no mes de xuño entre as obras de poesía máis vendidas no noso idioma, xunto con outros magníficos títulos. Os datos, como de costume, son os que proporciona Ramón Nicolás coa súa pesquisa por moitas das librarías que distribúen volumes en galego.

Só quero dicilo máis unha vez: Obrigadísimo pola acollida!

13 de jul. de 2015

Música para a segunda feira: Javier Krahe



Recordo ben que a primeira vez que na adolescencia me falaron do disco de La Mandrágora foron os meus curmáns Xoán Xosé e Montse. O que xa dubido máis é se foron eles quen me pasaron a primeira copia completa ou se foi o Roi, xa na universidade. Grazas aos tres, en calquera caso, por me descubriren a Javier Krahe, que morreu esta fin de semana, mais que permanece como unha parte importante da banda sonora de moitas vidas.

La muerte no me llena de tristeza.
Las flores que saldrán por mi cabeza,
algo darán de aroma...


8 de jul. de 2015

Está nas librarías a quinta edición de Como falar e escribir en galego con corrección e fluidez


Aínda non compartira neste meu blogue a feliz nova de que o libro Como falar e escribir en galego con corrección e fluidez chegou á súa quinta edición. Como se pode ver na fotografía de Celia Torres, saíu do prelo no pasado mes de maio.

Estou contento porque este traballiño xa foi de axuda para moita xente na vivificación da lingua e vai selo tamén para moita outra no futuro próximo. Un futuro próximo, con certeza, no cal nos xogamos moitísimo: a continuidade do galego ou a súa condena á disolución.

Queremos unha lingua máis viva, máis forte e sempre nosa!

Actuemos no día a día para o lograrmos!

5 de jul. de 2015

Hoxe estarei na Romaría da Diversidade

Desde a asociación AMBAR, para persoas con diversidade funcional, convidáronme a participar hoxe na Romaría da Diversidade, que comeza de aquí a uns minutos en Ribeira e cuxo programa de actos se estende até as sete da tarde. Pedíronme en concreto que, na chamada "Agra das ideas", que estará até as 14 h, fale un pouco da diversidade de opción sexual e a historia da homofobia tal e como a presentei no libro Amigos e sodomitas.

Son moitas as actividades, conferencias e actuacións musicais da xornada. Podedes consultar o programa completo nesta ligazón. Vémonos por alí?

Viva a diversidade, unha das características esenciais dos seres humanos!