Na Illa de Arousa permanece moi, moi viva a tradición de ir pedir polas portas no día de Defuntos, chamado alí tamén como Día de Pedir. Porén, non preguntan por truco nin trato, senón que pregan que lles dean algo "polos defuntiños que van alá".
O de "ir alá" recórdame moito a miña avoíña Pepa e os rezos que nos aprendía aos seus netos, en galego, para pregarmos en favor dos mortos da familia, mesmo daqueles que nunca chegamos a coñecer, tal e como os da siña Sinforosa de Castelao.
Por se non vos lembrades da siña Sinforosa, que pertence a esa xenialidade que é Cousas, colo aquí a ilustración e o texto:
Todos cantos sabían algo da hestoria da vila en que eu nacín, xa repousan debaixo dos terróns.
A siña Sinforosa era unha velliña que todos os días pasaba o mar
porque era mandadeira de oficio, como xa fora súa nai, súa avoa e cicais todas as súas devanceiras, dendes que os da banda de acá tiveron comercio
cos da banda de alá. Era honrada ou parecía selo pois vivía do seu
creto de muller de ben. Engaioleira e faladora con todos, tiña sempre,
para a xente fidalga, un caravel na súa boca chuchada. A siña Sinforosa
sabía todas as traxedias do mar naquela travesía.
Nos días de tempo ruín, cando funga o vento nas cordas e os salseiros
varren a cuberta do barco, a siña Sinforosa metíase en si e rezaba pola
súa ialma.
Nos días mainos a siña Sinforosa rezaba polos afogados. O barco ía andando cara á banda de alá e a mandadeira ía rezando sempre.
— Un padrenuestriño polo Xan de Codeso, que morreu afogado un día da Candelaria.
— Unha salve por doña Rosa Faxardo, que se botou a afogar na punta da Falcoeira.
— Un padrenuestriño, unha salve e unha avemaría polas catro fillas do Belurico, que morreron de volta do mercado.
— Unha salve por Ramón Collazo, que o levou un cóngaro e nunca máis apareceu.
Así seguía rezando, rezando sempre, por todos cantos morreron naquel
camiño do mar. A vella mandadeira gardaba na memoria os nomes dos
afogados e as datas das traxedias.
Un día reparei que a siña Sinforosa rezou por “un rapaciño que morreu en Tronco”, e pergunteille:
— Quen foi o rapaciño que morreu en Tronco, siña Sinforosa?
I ela respondeume:
— Non o sei, meu amantiño; ise afogado non é do meu tempo pois xa rezaba por el a difunta de miña avoa, que no Ceo estea.
A siña Sinforosa morreu xa, e de tantas traxedias non quedan máis que
tres ou catro cruces de madeira chantadas nas pedras de beiramar. A
vella mandadeira levou ao Alén a hestoria de todos os afogados da vila en
que eu nacín.
Unha vez que atravesei o mar, sentín dentro do meu peito o baleiro de tanto esquecimento e en nome de todos os afogados preguei:
— Un padrenuestriño pola siña Sinforosa.
Encántame esta entrada! Comparto no bloque de infantil do noso cole :)
ResponderExcluir(Sara)