No El Correo Gallego Carlos Luis Rodríguez vén de publicar un artigo dedicado a me criticar por encabezar a lista de NÓS - Candidatura Galega ao Congreso pola Coruña. É curioso que, aínda que se trata dun texto de crítica ad hominem, en ningún momento se atreva a dicir o meu nome. Anímoo a xuntar as letras que o compoñen, verá que non pasa nada: "Carlos Callón", así de faciliño.
Penso que é a primeira vez que Carlos Luis Rodríguez se refire a min desde que o 19 de outubro de 2009 gravou unha entrevista comigo para a TVG, tras unha manifestación masiva en defensa do galego e contra as políticas retrógadas do PP impulsada pola asociación que eu daquela presidía, A Mesa pola Normalización Lingüística. Esa entrevista, que se converteu en viral, tense pasado en facultades de Comunicación como exemplo do que un entrevistador con ética xornalística non debe facer.
Carlos Luis Rodríguez non mantiña un estilo agresivo con todos os convidados que entrevistaba na TVG, pois nese caso sería oportuno e mesmo interesante o acontecido aquel día na televisión pública galega. Chega con cotexar aquela "entrevista" coas conversas de sobremesa coa presidenta e case única socia da galegófoba Galicia Bilingüe, ou cos conselleiros que neses momentos levaban a cabo os principais retrocesos contra o noso idioma. Todos eses programas son fáciles de encontrar en internet e comparar para que cadaquén tire as súas conclusións.
Desde esa entrevista nunca máis pisei un plató da TVG até hai unha semana, malia que a asociación que presidín até 2014 chegou a reunir 100.000 persoas en Santiago de Compostela en defensa do galego ao ano seguinte e en sucesivas convocatorias.
E que despertou o interese de Carlos Luis Rodríguez pola miña persoa seis anos despois daquela entrevista? Pois que, como antes dixen, volvín á TVG como candidato de NÓS e o primeiro que fixen na emisión ao vivo foi beliscarme, para estar seguro de que estaba alí despois de tanto tempo.
Non podo negar que sempre me sorprendeu a teima de Carlos Luis Rodríguez contra a lingua galega, moito máis tendo en conta que grazas a este idioma tivo contratos nunha televisión que non existiría se non tivésemos idioma propio.
Outra das súas lerias, que repite esta semana tras varios anos no caixón dos argumentarios, é a de me presentar como alguén que disimula as súas ideas para enganar. Na súa cabeza non colle que eu, sendo nacionalista, sendo militante de base do BNG, consiga sentarme e unir esforzos con persoas de sensibilidades políticas diversas.
Non entendeu, ou non quixo entender, que eu puidese encabezar un movemento social de masas en defensa do idioma galego no cal tiveron presenza todas as forzas de esquerdas, galeguistas e nacionalistas de Galiza. Non entende tampouco agora, nin quere entender, que como candidato de NÓS estea a ser capaz de xuntar forzas e persoas, de novo de sensibilidades diversas, nun ilusionante proxecto común, que vai dar a gran sorpresa nestas eleccións, por moito que a Carlos Luis Rodríguez lle desguste que Galiza teña unha voz propia que fale alto e claro en defensa deste país, tamén en Madrid.
Nenhum comentário:
Postar um comentário