18 de jan. de 2016

Dous ensaios finalistas dos Fervenzas Literarias 2015

Parabéns ás premiadas e premiados no Fervenzas Literarias!

Obrigado tamén por colocardes como finalistas dous ensaios en que colaborei en 2015:

Cicatrices de ferro nas palabras. A obra poética e o programa cultural de Valentín Paz-Andrade (escrito a catro mans con Paulo Filgueiras Fachal) e

No tempo de Follas Novas (onde me achego á escritora brasileira Júlia Lopes de Almeida, nun libro polifónico sobre o que seu título indica e que foi ideado e coordinado por Pilar García Negro).

Desfrutemos da nosa literatura e da nosa cultura! Avante toda!

16 de jan. de 2016

"El mayor cuidado en introducir la lengua castellana"

Hoxe fanse 300 anos dos coñecidos Decretos de Nueva Planta. Porén, no ámbito da lingua, foron máis importantes as instrucións secretas que enviou uns días máis tarde, o 29 de xaneiro de 1716, o Fiscal do Consejo de Castilla.

Nesas instrucións avísase de que hai que castelanizar Cataluña, igual que se castelanizaran antes outros territorios do imperio español (citan Navarra e Nápoles; poderían citar Galiza, que levaba tempo sometida). Iso si, a imposición da lingua de Castela deberían facela con toda a camuflaxe da que fosen capaces. Tratábase de desnaturalizaren o catalán evitando as protestas sociais:
"Pondrá el mayor cuidado en introducir la lengua castellana, a cuyo fin dará las providencias más templadas y disimuladas para que se consiga el efecto sin que se note el cuidado".
Ese principio de conseguir "el efecto sin que se note el cuidado", posto por escrito (aínda que en secreto) no século XVIII, é o mesmo que se segue na proscrición do galego, o catalán ou o vasco no século XXI.

Tócanos renaturalizar o desnaturalizado, facer visíbeis as "providencias más templadas y disimuladas" (por exemplo, nos medios de comunicación), crermos en nós mesmas, en nós mesmos. Avante!

11 de jan. de 2016

Chegou a sexta edición de Como falar e escribir en galego con corrección e fluidez!

Souben grazas a Celia Torres, directora de Promoción de Edicións Xerais, que está a chegar xa ás librarías a 6ª edición de Como falar e escribir en galego con corrección e fluidez, o meu pequeniño best-seller. Estou feliz de que continúe a ser útil a moita xente!

Adiante sempre, pola lingua que nos une!

7 de jan. de 2016

E se Daniel Castelao fose Dan Castleton?


E se en troca de ser hoxe o 66 aniversario da morte de Daniel Castelao fose o 66 aniversario da morte de Dan Castleton?

Vexamos cal é aqui o "pecado" do autor. Resulta que se chamaba o noso compatriota Alfonso Daniel Manuel Rodríguez CASTELAO; naceu en Rianxo, que vén quedando nun país chamado Galiza; escrebeu e pintou sempre en galego; foi nacionalista galego e non, por exemplo, trotskista ou represaliado polo stalinismo, e ten a ocorréncia de morrer en Buenos Aires, residé
ncia de millares e millares de galegos emigrados. Vaia por Deus! Se, en troca, se tivese chamado, por exemplo, DAN CASTLETON, estaríamos todos os "progres" perguntando-nos: ¿pero, como, non coñeces DAN CASTLETON?; ¿non sabes que foi un artista impresionante, que, ademais se tivo que exiliar, por condena a morte decretada polos názis?; ¿como é posíbel que non teñas visto nada del?; ...se até foi ministro dun governo do rexime derrubado polo levantamento militar fascista? Por favor, é fundamental coñecermos DAN CASTLETON; é unha figura im-pres-cin-dí-bel do século XX! Oh, Xesus, que ignoráncia temos, cando daremos curado tantos oceanos de incultura!

(Arredor de Castelao, Pilar García Negro, Edicións A Nosa Terra, 2001, p. 167.)