Velaquí
o artigo que publiquei no
Sermos Galiza na pasada segunda feira, horas antes do debate na TVG:
Galeguizar a política galega
Un xornal publicou na pasada fin de semana que a campaña das
eleccións galegas estaba a ter "un marcado carácter nacional". A miña
alegría durou un segundo. A nación de que falaban non era a mesma que
cantamos no noso himno.
Ademais, como se nos desen o parte do tempo, os medios de
comunicación anuncian unha chuva constante, mesmo torrencial, de
paracaidistas. Sánchez e Rajoy. Colau e Iglesias. Cantó e Rivera. Cada
un destes nomes, e moitos máis, cos seus séquitos. Aterran, dinnos o que
temos de facer e collen rumbo.
Non se trata só de falar das nosas cousas, mais non estaría mal
darlles prioridade cando menos desta vez, que diso vai esta campaña. E
se vemos o mundo con óptica galega? E se tratamos as eleccións ao
Parlamento de Galiza como eleccións ao Parlamento de Galiza?
Oxalá o debate desta noite axude un pouquiño a galeguizar a política galega.