24 de fev. de 2017

A miña achega para o Día de Rosalía 2017

Aí vai a miña colaboración á proposta de festexarmos o Día de Rosalía pendurando na rede o noso recitado dun texto da nosa escritora nacional:

19 de fev. de 2017

Ligazóns ao desvío para un dezanove de febreiro

  • "A peta do senhor conselheiro", Carlos Garrido.
  • "O 'petróglifo' do Petón de dona Urraca. Patrimonio? Si", Manuel Vilar.
  • En que linguas ensina a USC? Datos do curso 2016-17. As áreas de Ciencias da Saúde teñen unha media de ensino en galego do 2,85%. Hai un total de 9 graos que non chegan nin ao 10% de ensino no noso idioma.
  • A Real Academia Galega presentou un pequeno documento coas formas dos apelidos na súa ortografía, que pode facilitar moito o procedemento xudicial de galeguización. Oxalá sexa así! Pódese consultar o documento en PDF nesta ligazón. Se callar, o máis rechamante é que o prólogo estea asinado por Alonso Montero, cando no documento se nos di en negro sobre branco que ambos os apelidos son castelanizacións dos xenuínos Afonso Monteiro. O mellor pedicador é Frei Exemplo.

14 de fev. de 2017

Non é normal que estas cousas continúen a acontecer

A finais de decembro pedín consultar un expediente da Deputación da Coruña en galego.

Recibo agora resposta, coa tradución de parte desa documentación. Aínda teño que entregar de novo petición para ter versión en galego do resto. Conto que me chegue antes do verán (a media de demora no envío foi dunha cara de folio por semana).

Mais o conto non fica aí. A Deputación dime sobre os papeis que pido consultar no noso idioma:

"Son documentos de tramitación interna, que non son obxecto de notificación ou publicación, e que poden redactarse en calquera dos dous idiomas oficiais en Galicia."

Ben, xa que saben que se poden escribir en galego, aí vai o meu consello:

NON SE CORTEN!

ÚSENO!

10 de fev. de 2017

2,85%

Nos graos de Medicina, Enfermaría, Odontoloxía e Veterinaria da USC a media de ensino en galego neste curso é do 2,85%.

Con datos así, o estraño é que o galego siga vivo.

Galegofalantes, activémonos!

Galegocalantes, unídevos! Evitemos a extinción!

9 de fev. de 2017

"É a primeira vez..."

Traballamos na aula cunha canción de Monoulious DOP. Unha alumna de 3º da ESO dixo, sorprendida: "É a primeira vez que vexo xente nova nunha canción en galego".

Aconteceu onte, 8 de febreiro de 2017.

Deume vontade de iniciar unha campaña para reclamar un 1% de música xuvenil en galego nas radios e televisións.

Xa non digo nin 50%. Un mísero 1%.

Galegofalantes, activémonos! Galegocalantes, unídevos!

8 de fev. de 2017

O Tío Marcos da Portela

Onte foi o 141 aniversario da saída do primeiro periódico en galego: O Tío Marcos da Portela.

O nome era unha homenaxe á obra de Martín Sarmiento e, por tanto, tamén un saberse continuación de traballos de persoas que viñeron antes.

O máis rechamante é que no século XXI somos a única lingua oficial do Estado que non ten ningún diario impreso. As políticas lingüísticas oficiais, en especial as da Xunta, lévannos a esta precariedade.

Se o pensarmos un pouco, o sorprendente non é que o galego perda falantes. O sorprendente é que continúe vivo.

Galegofalantes, activémonos! Galegocalantes, unídevos!