21 de abr. de 2017

Galegocalantes, unídevos!


Estou moi agradecido aos diversos medios de comunicación que se fixeron e se están a facer eco da presentación do libro Galegocalantes e galegofalantes, que nos próximos días iniciará o seu percurso de presentacións. Xa vou avisando dalgunhas datas fechadas no mes de maio: 2 en Santiago, 10 na Coruña, 12 en Ferrol e 19 en Marín.

E, agora, xa, parte da revista de imprensa:

20 de abr. de 2017

Entrevista na Radio Galega sobre Galegocalantes e galegofalantes


Estoulle moi agradecido á xente do programa Galicia por Diante, pola súa boa acollida ao meu último libro, Galegocalantes e galegofalantes, sobre o que conversamos nesta mesma semana.

Pódese ouvir nesta ligazón.

Tamén se fixo eco o Diario Cultural, que se pode ouvir aquí.

16 de abr. de 2017

Todos os santos teñen pene, todas as santas teñen vulva?

Resucito a videocolumna cun comentario sobre o autobús do odio que anunciou a visita a Galiza e, por iso, facendo tamén a lembranza de dúas haxiografías vencelladas ao antigo reino de Galiza: unha por supostamente nacer nel (disque Baiona), noutra por ser un santo que a lenda di que foi enterrado aquí (no seu caso, nun territorio que hoxe pertence ao norte de Portugal).

14 de abr. de 2017

14 de abril de 1980

Hai xusto 37 anos, no 14 de abril de 1980, o alumnado de secundaria protestaba contra a represión "democrática" da lingua galega. Falar galego na sala de aulas era igual a "dar malas respostas" ou motivo para suspender unha materia.

Este período concreto da historia do noso idioma, que é crucial para entendermos o que aconteceu nas décadas seguintes, está moi pouco estudado.

Se coñecerdes persoas que participaron neses actos ou que padeceron sancións por usar o galego no ensino, por favor enviádeme unha mensaxe coa información. E se souberdes de xente que puider saber, se facedes o favor pasádelle o recado

Moitas grazas!

(Nova tirada do semanario A Nosa Terra, 18 ao 24 de abril de 1980.)

10 de abr. de 2017

Reseña de Xoán Carlos Domínguez Alberte sobre Galegocalantes e galegofalantes


O escritor e profesor Xoán Carlos Domínguez Alberte publicou no Sermos Galiza esta reseña do libro Galegocalantes e galegofalantes. Moitísimas grazas pola atención e as observacións!

Galegocalantes e galegofalantes
Xoán Carlos Domínguez Alberte
A última compilación de traballos publicados por Carlos Callón en defensa do noso idioma abrangue o período 2009-2016. Como se sinala, nun texto xustificatorio, ao comezo desta obra, foi este un intervalo de anos negros para a lingua galega polos graves retrocesos sufridos. Mais tamén un tempo de “esperanza social, de mobilizacións continuadas, de alento histórico dun pobo que, a pesar de todo, non se resigna a desaparecer”.

Eis unha chave estrutural posta en evidencia ao longo das páxinas, na escrita do autor. O devalar das políticas exercidas, de xeito sistemático e planificado, dende o poder, contra o baseamento medular da nosa cultura, contra o principal emblema da identidade galega, a lingua. Mais contra vento e maré está o abalar da sociedade galega máis dinámica e consciente que reclama o dereito de vivir con normalidade en galego.

Testemuño silandeiro da desfeita levada a cabo, no aludido lustro obxecto de estudo, foi a desaparición de numerosas cabeceiras en galego que a diario chegaban á man do lectorado, nalgunhas das cales os traballos de sociolingüística que integran esta obra se publicaron orixinariamente, do que son mostra lapidaria Galicia Hoxe, Xornal de Galicia, De luns a venres —por non falar tamén d’A Nosa Terra, Vieiros ou A Peneira—. Premeditado exercicio de exterminio, sen ningunha ciencia, mais a conciencia.

Dende esta obra radiográfase, entre outros moitos ámbitos de esculca, o traballo constante de numerosos colectivos —como A Mesa pola Normalización Lingüística ou a plataforma cidadá Queremos Galego!— e a oposición frontal de moita cidadanía contra a vulneración dos dereitos lingüísticos de quen usa de xeito cotiá a nosa lingua, contra a lexislación aniquiladora do galego no ensino ou contra o incumprimento sistemático dos ditames da Carta europea das linguas.

Galegocalantes e galegofalantes pon en evidencia, xa que logo, varios retos que, dende o conxunto da sociedade galega, cómpre xa acometer: a con(s)ciencia de posuírmos un ben cultural, o idioma, que debe ser patrimonio de todos —para o que é indispensábel que a xente máis nova adquira plena competencia nel (o que hoxe non acontece en espazos urbanos), amparado cunha política lingüística eficaz; o papel activo por parte da cidadanía, exercendo e demandando, dende calquera instancia da vida cotiá, o uso do galego; a necesidade de que as forzas políticas e sociais máis comprometidas coa realidade do noso país se impliquen nunha estratexia útil que lle dea pulo ao desenvolvemento social do idioma e con el a Galiza.

8 de abr. de 2017

Tese entregada


Coa miña directora e co meu director da tese, Pilar García Negro e Manuel Ferreiro. Son moi afortunado!

O primeiro volume é a disertación de doutoramento propiamente dita (As relacións sexoafectivas intermasculinas e interfemininas no trobadorismo galego) e o segundo é o apéndice, coa edición das cantigas.

A defensa será nuns meses. Xa irei comentando ;)