O escritor e profesor Xoán Carlos Domínguez Alberte publicou no Sermos Galiza esta reseña do libro Galegocalantes e galegofalantes. Moitísimas grazas pola atención e as observacións!
Galegocalantes e galegofalantes
Xoán Carlos Domínguez Alberte
A última compilación de traballos publicados por Carlos Callón en defensa do noso idioma abrangue o período 2009-2016. Como se sinala, nun texto xustificatorio, ao comezo desta obra, foi este un intervalo de anos negros para a lingua galega polos graves retrocesos sufridos. Mais tamén un tempo de “esperanza social, de mobilizacións continuadas, de alento histórico dun pobo que, a pesar de todo, non se resigna a desaparecer”.
Eis unha chave estrutural posta en evidencia ao longo das páxinas, na escrita do autor. O devalar das políticas exercidas, de xeito sistemático e planificado, dende o poder, contra o baseamento medular da nosa cultura, contra o principal emblema da identidade galega, a lingua. Mais contra vento e maré está o abalar da sociedade galega máis dinámica e consciente que reclama o dereito de vivir con normalidade en galego.
Testemuño silandeiro da desfeita levada a cabo, no aludido lustro obxecto de estudo, foi a desaparición de numerosas cabeceiras en galego que a diario chegaban á man do lectorado, nalgunhas das cales os traballos de sociolingüística que integran esta obra se publicaron orixinariamente, do que son mostra lapidaria Galicia Hoxe, Xornal de Galicia, De luns a venres —por non falar tamén d’A Nosa Terra, Vieiros ou A Peneira—. Premeditado exercicio de exterminio, sen ningunha ciencia, mais a conciencia.
Dende esta obra radiográfase, entre outros moitos ámbitos de esculca, o traballo constante de numerosos colectivos —como A Mesa pola Normalización Lingüística ou a plataforma cidadá Queremos Galego!— e a oposición frontal de moita cidadanía contra a vulneración dos dereitos lingüísticos de quen usa de xeito cotiá a nosa lingua, contra a lexislación aniquiladora do galego no ensino ou contra o incumprimento sistemático dos ditames da Carta europea das linguas.
Galegocalantes e galegofalantes pon en evidencia, xa que logo, varios retos que, dende o conxunto da sociedade galega, cómpre xa acometer: a con(s)ciencia de posuírmos un ben cultural, o idioma, que debe ser patrimonio de todos —para o que é indispensábel que a xente máis nova adquira plena competencia nel (o que hoxe non acontece en espazos urbanos), amparado cunha política lingüística eficaz; o papel activo por parte da cidadanía, exercendo e demandando, dende calquera instancia da vida cotiá, o uso do galego; a necesidade de que as forzas políticas e sociais máis comprometidas coa realidade do noso país se impliquen nunha estratexia útil que lle dea pulo ao desenvolvemento social do idioma e con el a Galiza.
Nenhum comentário:
Postar um comentário