23 de jul. de 2017

A tese



Son unha persoa con varias inquietudes que me arrastran con paixón: a Sociolingüística e a Historia da lingua, a Psicanálise, Rosalía de Castro, o trobadorismo, a Historia da diversidade afectiva e sexual e as súas interseccións coa literatura etc. O pasado día 21 deille non o punto e final, senón un significativo punto e seguido, a unha das liñas en que levo traballando, de forma absolutamente intermitente porén sempre con moita curiosidade, desde os meus primeiros anos de estudante universitario: as homosexualidades no trobadorismo galego.

Desde o tribunal que xulgou a tese de doutoramento, para alén de moitas palabras xenerosas e amábeis e moitos contributos que terei en conta para as publicacións resultantes, indicouse que se constataba a miña pretensión de "non deixar ningún cabo solto". É certo que ese foi un obxectivo e por iso me resultan aínda de máis utilidade as atentas lecturas que para a avaliación realizaron Carme Fernández-Pérez Sanjulián, Isabel Morán Cabanas e Xosé Bieito Arias Freixedo. Tamén non podo máis que deixar constancia, con todo o meu agradecemento, da sabia orientación que me brindaron nestes últimos anos Pilar García Negro e Manuel Ferreiro, como directora e director.

Fico tamén moi obrigado a todas as persoas que me fixeron un oco na súa axenda nesa mañá e me acompañaron no acto de defensa. Dou tamén as miñas grazas e beizóns a cada un dos numerosos e cálidos parabéns que me arribaron e que me é imposíbel responder un por un, mais que fican no meu corazón.

Irei avisando conforme vaian saíndo as publicacións, para se poder ler, pensar e debater sobre o resultado destes anos de traballo.

2 comentários:

  1. Anteonte leí na Voz de Glicia un articulo so a tese da homosexualidade no medievo. Estou interesado na letura da tese. Pareceme moi interesante. Eu trato temas do lesbianismo femenino, escribo novela romántica e pareceme historia de Sancha e Maria e un bo argumento pra una novela.
    Moitas graças po la atenció.
    P.D. Disculpa o mal galego, so emigrado e me falta fluidez por falta de prática.

    ResponderExcluir
  2. Ola. Moitas grazas polo interese. Agora mesmo estou a traballar na súa publicación. Podes ler tamén sobre a historia de Sancha e María no meu libro anterior "Amigos e sodomitas. A configuración da homosexualidade na Idade Media".

    Un saúdo.

    ResponderExcluir