Este texto de Nel Vidal é FUNDAMENTAL. Ou reencamiñamos estas situacións ou haberá que dar a batalla da lingua por perdida. Así de claro. Estamos dispostas e dispostos?
"Política lingüística de xirasol", Nel Vidal
Á ensalada hai que lle botar aceite do bo, pero as croquetas pódense fritir en aceite do barato.
De oliva, do bo, e de xirasol, do barato, que é o mesmo que dicir do
malo, do cativo. Así é como sempre se diferenciou o aceite na miña casa.
Por iso me chama a atención, cando almorzo pola mañá, que as galletas
publiciten vistosamente no seu paquete que están feitas con aceite de
xirasol. E por que ese empeño en que saiba, xa cando as vou mercar, que
levan produto cativeiro? Pois porque seica xa hai outro peor, o de
palma, que ese si que é malo malo.
Xa ves, para que algo deixe de ser malo, non ten por que mellorar. Abonda con que se cree algo peor. E
seica coas cousas da lingua estamos en tempos en que o menos malo xa
ben nos ten que valer. Así que, non te queixes porque sexa malo, que xa
sabes que podía ser peor!
Se antes nos laiabamos do bilingüismo enredante, agora poñémolo en valor, que, a ver, polo menos tamén está en galego, non?
Se agora obrigan a publicar todas as convocatorias de subvencións en
castelán, para non “escurecer”, tampouco será para tanto, que polo menos
non prohiben que tamén teñan unha versión en galego. Se mesmo
lles chamamos dinamización lingüística ás actividades culturais con tal
de que estean en galego e apoiamos que se fagan convocatorias de
subvencións para, cos cartos da lingua, convocar certames literarios ou
facer folletos (pero na nosa lingua, eh!). Non, se a política
lingüística fraguiana tampouco debía estar tan mal, que a baixa
intensidade sempre foi mellor que o amortuxamento ou o repregamento.
A acción e o interese pola posta en valor e o uso normalizado do galego
sempre dependeu daquelas persoas activistas social ou politicamente
organizadas. E son, somos, quen agora temos que loitar para
procurar evitar que mesmo haxa institucións gobernadas polo nacionalismo
en que a páxina web non teña versión en galego, que defendan
xudicialmente que non teñen por que ter competencias en normalización
lingüística ou que contraten servizos de atención telefónica en que se
lle nega á cidadanía a atención na lingua propia do país. E si, iso está a pasar.
Son, somos nós quen nos temos que queixar e procurar evitar que nesas
institucións nin sequera se cumpra a lexislación de mínimos cualificada
de raquítica. Que a sinalización de obras ou estradas exclúa o galego. Que
os pregos de contratación se fagan en castelán. Que a música en galego
quede secundarizada nas festas e festivais. Que se desprace (ou
desprece) o traballo técnico pola normalización lingüística. Que nin
pola cabeza de ninguén pase fixar criterios idiomáticos para contratar
servizos, mercar equipamentos ou encargar programas informáticos. Que o
galego estea invisibilizado en campionatos deportivos ou campamentos
xuvenís. Que nin haxa área política nin técnica específicas
para a planificación e intervención na procura da mellora do uso e
prestixio da lingua... Porque se esas persoas se desactivan, nos
desactivamos, a pasividade e deixazón de organizacións e entidades vai
ir, aínda, a máis.
E seguro que non queremos conformarnos coa política lingüística de
xirasol, verdade? Aínda que nola poñan con apelido galego e aínda que
nos digan que a mala mala é a de palma, unha mellor política lingüística
teremos que desenvolver para o presente e futuro do noso idioma.
Nenhum comentário:
Postar um comentário