29 de jun. de 2018

Os ollos voltan á vida

Após a restauración do Pórtico da Gloria podemos entender mellor aqueles versos de Rosalía:

Santos i apóstolos, védeos! Parece
que os labios moven, que falan quedo
os uns cos outros: i aló na altura
do ceu a música vai dar comenzo,
pois os groriosos concertadores
tempran risoños os instrumentos.

Estarán vivos? Serán de pedra
aqués sembrantes tan verdadeiros,
aquelas túnicas maravillosas,
aqueles ollos de vida cheos?



E canto mellor se ENTENDE San Xoán así!


Tamén teño de ir ver axiña se mudou este relevo do Pórtico tan profético!


(As primeiras son imaxes distribuídas pola Fundación Barrié.)

23 de jun. de 2018

Na Feira do Libro de Ribeira

Mañá realizarase na Feira do Libro de Ribeira un acto de lembranza a Plácido Betanzos. Sei que entre os participantes estará Suso Laíño, quen, ademais de recoñecido intelectual e profesor, era tamén moi amigo do noso Plácido.

Xa hoxe, estaremos ás oito na Feira Carlos Lixó e eu falando dos nosos respectivos libros As casas (Espiral Maior) e Galegocalantes e galegofalantes (Xerais). Un sábado de xuño con vaga de calor e véspera de San Xoán non é o momento máis competitivo do ano. Por iso, como agradecemento, as persoas que asistan e traian da casa ou compren na feira un libro de Carlos Lixó ou meu, levarán un agasallo. Que será, será...?

14 de jun. de 2018

Dúas admiradas medievalistas


Hoxe tiven unha tarde feliz con dúas grandes profesoras da miña vida, ambas xeniais e inspiradoras medievalistas: Yara Frateschi Vieira e Isabel Morán.

No sábado guían, xunto con outras persoas, un roteiro por Santiago sobre a lírica medieval. É un acto impulsado por Carlos Rodríguez Pérez. Se puideres, vai!


Un día destes conto tamén por aquí como foi o roteiro da semana pasada sobre a homosexualidade na Compostela medieval e moderna. Adianto que foi tamén outro momento feliz :)

12 de jun. de 2018

Presentación en Santiago d'As casas


nun chalé feo dos anos setenta
rodeado de paus da luz
cunha muralla desproporcionada
e con pinchos
e no pinche unha virxe do carme
explode o desexo de progreso
dun matrimonio que se amaba

o pai só lembraba da súa infancia o cheiro das algas
e de durmir coas galiñas
á nai nunca antes lle deran un bico

agora no xardín está enterrado un canciño

(Carlos Lixó, As casas)

10 de jun. de 2018

Mellor en Madrid ca no mesmo ceo


Nunha páxina humorística do Facebook, Forocarros, penduraban este cadriño do presidente do Goberno galego queimando con satisfacción un exemplar de Como falar e escribir en galego con corrección e fluidez. Se por el fose, non hai dúbidas de que poderían ir para o lixo todos os libros do mesmo estilo, igual que foron para o lixo pola súa orde os miles de manuais escolares escritos en galego das materias científico-técnicas.

Agora que en todo o Estado español se fala deste amigo do narcotraficante Marcial Dorado como posíbel novo líder do PP, é bo lembrarmos que un dos eixos fundamentais da súa acción de goberno foi, e está a ser, a aceleración da perda do noso idioma, o desamparo aos nosos dereitos lingüísticos. Sabemos que é un "mérito" que lle valorarán moitos dos seus seguidores, e é unha mágoa. Quen despreza unha cultura, despreza todas as culturas.

5 de jun. de 2018

Un profesor moi querido


Cando onte saía do tanatorio en Ribeira e ía coller camiño cara á igrexa de Palmeira, achegóuseme un rapaz que non coñecía de nada para me preguntar se podía levalo até o funeral do Plácido.

Alá, centos de adolescentes ateigaban o adro.

Mozas e mozos portaron nos seus ombros a caixa.

Foi unha despedida emotiva do querido profesor e un apoio para a súa familia ante unha dor inconsolábel.

Mais, ao mesmo tempo, foi tamén unha certa celebración da vida.

Xa non podemos camiñar con el, mais o Plácido sempre estará presente. Nas nosas bagullas tamén sabemos que un home así vai facer parte das nosas vidas para sempre.

Para sempre.



Por se non o coñecedes, este é o rap que lle escribiu XeVA, ex alumno, con motivo da súa xubilación:

4 de jun. de 2018

Plácido Betanzos


Cando alguén morre, é de bo gusto non falar mal e salientar as súas virtudes. Dáme por iso algo de medo que, cando exclamamos que "o Plácido era un home bo", que "o Plácido era un home afectuoso" ou que "o Plácido era un home xeneroso", alguén poida pensar que se trata dun simple lugar común. E non o é.

Plácido Betanzos, que se nos foi esta fin de semana, era un home bo, afectuoso e xeneroso de forma excepcional. Encarnaba eses atributos.

O camaradiña Plácido foi, e sempre será nas nosas cabezas e nos nosos corazóns, un home dos que deixan pegada fonda: cheo de enerxía e vitalidade, solidario coas persoas desfavorecidas e radicalmente firme perante as inxustizas. Ademais, algo que sabemos moi ben quen o tratamos é que el se facía presente e acompañaba cando o mundo se puña feo, feo de verdade.

Non tiven a sorte de ser o seu alumno no instituto, como si o foron miña irmá ou algúns amigos, que me teñen contado anécdotas deliciosas sobre o seu xeito de afrontar as aulas. No entanto, podo dicir con todo o orgullo que me sinto o seu discípulo na política e que nunca lle poderei agradecer tantos bos consellos que me deu para a vida.

Meu Plácido, canto sinto non podermos continuar a camiñar xuntos! Desexo que, de acordo coa túa fe, te reciban alá como o mereces.

2 de jun. de 2018

Diversidade afectiva e sexual na Compostela medieval e moderna


Sabías que a metade dos textos europeos medievais que tratan sobre lesbianismo están escritos en galego?

Sabías que nun deses textos se fala dunha parella, Sancha e María, e que se nos indica mesmo a rúa de Compostela onde moraban?

Sabías que o bispo que converteu Santiago en sé episcopal foi acusado de sodomía e que, a raíz diso, disque realizou un milagre?

Sabías que a historia deste bispo foi recuperada nos anos 40 do século XX por Lorenzo Varela e Luís Seoane como alegato contra a homofobia?

Sabías que o prior do mosteiro de San Domingos de Bonaval no século XIII era coñecido polo seu amor por outros homes?

Sabías que no reino de Galiza tiveron moita devoción sant@s transxénero, que se atribuía que naceran ou morreran aquí?

Sabías que as pedras de Santiago agochan historias que falan de relacións de amor e desexo entre homes, como a desventurada de Paio de Albeos, ou a apaixonada de David e Xonatán?

Destes e doutros temas, algúns totalmente inéditos, falaremos neste roteiro.

Coñezamos tamén esta parte da nosa historia!