Pola miña banda, dei recuperado só algunhas cousas. Por exemplo, gardei textos do blogue do lingüista e profesor Manuel Rodríguez Alonso, quen se tiña ocupado, con moita amabilidade, de varias obras que publiquei.
Deixo aquí a súa reseña de En castellano no hay problema, que publicou no 15 de maio de 2010:
Falando ás claras
Manuel Rodríguez Alonso
Carlos Callón reúne neste libros un feixe de artigos que publicou ao longo de varios anos no xornal Galicia Hoxe,
todos eles dedicados a analizar a situación pola que vén pasando o
galego nestes últimos tempos, especialmente desde os ataques que a súa
normalización está a sufrir por parte de colectivos como Galicia Bilingüe ou o Partido Popular e o seu goberno.
Callón defende dun xeito apropiado o labor da Mesa pola Normalización Lingüística
ante as críticas de extremismo que recibe de parte dalgúns colectivos
ou mesmo de arroutados, que lle dedican outros. Os argumentos de Callón
resultan convincentes.
Gústanos tamén a ironía con que están
escritas moitas das páxinas do libro. Así cando se compara o
comportamento da Generalitat de Cataluña, que subvenciona as traducións
ao catalán das películas de Disney ou do Windows, co da Xunta, que gasta
os mesmos cartos nun estudo etnolingüístico sobre a vaca. Iso si,
sinala que con estes estudos, como as da vaca, a Xunta tece unha boa
rede clientelar.
Sen dramatismos, mais con rigor Callón
amosa como resulta imposible hoxe por hoxe tentar vivir en galego ou
facer efectivo o dereito ao uso do galego en moitos espazos da
Administración, nas notarías, no exército, nos bancos, en moitas grandes
empresas, na sanidade. Desmonta o tópico de defensa do bilingüismo que
fan institucións como Galicia bilingüe, o PP ou mesmo sectores do PSOE
(como os do antigo alcalde coruñés Francisco Vázquez), que é realmente
defensa do unilingüismo castelán. Sinala, con argumentos e razóns, como
en Galicia non se están realmente a cumprir as normas derivadas do
Estatuto de Autonomía, da Lei de Normalización Lingüística ou da Carta
Europea das Linguas Rexionais ou Minoritarias. Xa dicimos, non é esta
unha crítica arroutada, senón alicerzada en datos e argumentos sólidos e
dunha obxectivade indiscutible.
Desmonta os tópicos repetidos por toda a
prensa españolista de Galicia e de fóra de Galicia, autoridades
lingüísticas (a propia RAE) ou o propio Partido Popular, como o de que
está a impoñerse o galego pola forza. A mellor proba da falacia destes
argumentos españolistas –que só buscan que o galego desapareza– é a
análise que Callón fai dos datos que nos proporciona a
sociolingüísticia científica. Abonde con dicir que só un 25% dos centros
escolares vigueses cumpría co Decreto de impartir en galego un
determinado número de materias. O 75% non cumpría este Decreto e
primaba, xa que logo, contra a lei, o uso do castelán.
Hai que ler con suma atención os textos que dedica á análise da última edición do Mapa Sociolingüístico de Galicia
(2009), que presenta a evolución no uso do galego entre 1992 e 2004.
Callón analiza os datos con obxectividade e sinala o descenso que sufriu
o galego, tanto cualitativa como cuantitativamente, nestes doce anos,
fronte á interpretación optimista, pouco científica e interesada do que
el chama narcosociolingüística (representada por analistas como
H. Monteagudo ou M. Fernández). Outros, como Pilar García Negro,
denominan a narcosociolingüística, suciolingüística. Cómpre ler a Callón e comparar co que din Fernández e Monteagudo no españolista El País. O lector decidirá quen ten razón.
O relato da presentación do Mapa o
ano 2009 parece un esperpento de Valle. Nin a RAG nin o Goberno galego o
querían presentar e tivo que facelo a Mesa. Léase este artigo porque é
indispensable para comprender moitas das cousas que están a acontecer
hoxe sobre o galego en Galicia.
Por outra banda, é moi ilustrativa a
situación que dá do galego en eidos como a sanidade, a xustiza, a
Administración, as notarías, a empresa privada, os medios de
comunicación… Certamente que a situación é grave. Rechamante é a
castelanización da universidade: na Coruña só é lingua das aulas nun 8%;
en Vigo, nun 16% e en Santiago, nun 20%. Non é de estrañar o
comportamento dos actuais conselleiros de Educación e do Secretario
Xeral de Política Lingüística, pois os dous proceden deste mundo
castelanizado da universidade galega. Por certo, a análise do que
pensaba en 2008 o actual Secretario Xeral de Política Lingüística e o
que fai agora hai que lela nunhas das páxinas máis brillantes e
incisivas deste libro de Callón.
Pero Callón non é pesimista sobre o
galego e isto é o mellor. Malia que a situación sexa preocupante e que
os inimigos do galego sexan poderosos, os que defendemos o galego tamén
somos moitos e contamos, se non coa razón da forza, si coa forza da
razón, como dixo o outro. Aí están os movementos cívicos de defensa do
galego, como a propia Mesa ou a plataforma Queremos galego, que
non están polo labor da castelanización monolingüe. Ademais, Callón
ofrece solucións para que o galego supere esta situación de
minorización, especialmente tomadas do Plan Xeral de Normalización do
Galego de 2004.
Non o di Callón, pero dicímolo nós. Desde
o remate dos anos sesenta a defensa do galego únese á defensa dunha
sociedade progresista, multicultural, diversa e moderna. O problema do
galego xa non é agora, desde o meu punto de vista, que se relacione a
nosa lingua co mundo rural e o atraso. Os inimigos do galego están tan
alporizados porque hoxe a defensa do galego e o propio galego, como
acontece desde o remate dos anos sesenta, son sinónimos de progresismo,
antiglobalización e superación do pensamento único dos neocon. Por iso
está a sufrir o galego tantos ataques. Mais nunca foi tanta a forza do
galego, posto que, como xa dicimos, defender o galego é defender o
progresismo e a liberdade e a multiplicidade do pensamento e da cultura e
formas de vida diferentes fronte ao pensamento único globalizador
neocon.
Non hai que deixar de ler, especialmente
os que nos dedicamos ao ensino, o capítulo que dedica á estandarización
do galego. Callón advirte contra a tendencia a usar os termos e
estruturas comúns co castelán (aparato e non aparello, alcohol e non alcol, eliminación do infinitivo conxugado etc.). Esta postura é común, por exemplo, en moitos dos nosos libros de texto para ensino primario e secundario.
Desgraciadamente esta é tamén a postura
da RAG no seu último dicionario (o castelán-galego, publicado en 2004)
onde aínda que, por exemplo, considera igualmente correctos os membros
de parellas como aparato-aparello, vegonza-vergoña, poñer-pór e tantas outras, no exemplo sempre usa a forma común co castelán, polo que a información oculta deste
dicionario aposta claramente polo termo común co castelán. Xa non
digamos do xeito como este dicionario evita o uso do infinitivo
conxugado nos seus exemplos ou como, contra o que di a propia Normativa, non rexistra as formas en –bel e así dá só como equivalente dos adxectivos en –ble castelán os en –ble galegos e non os en –bel (este dicionario só ofrece como equivalente do amable castelán o amable galego, mais non amábel).
Por todo o dito, nesta semana do Día das Letras Galegas
temos que ler o libro de Callón. É a mellor homenaxe que lle podemos
facer por estas datas de exaltación do galego á nosa lingua propia.
Nenhum comentário:
Postar um comentário