27 de jun. de 2019
Plácido: o algo máis e a alegría
Xente de diferentes sensibilidades, diferentes crenzas relixiosas, diferentes idades, diferentes partidos, está a se mover desde Ribeira imantada por un nome: Plácido Betanzos. Son tantos os alentos que se xuntan que non quero teclear hoxe para trazar o perfil do amigo da alma que se me foi, senón do sementador que tocou as vidas de tantas persoas para sempre.
Temos o Plácido creador da palabra escrita, autor de libros que queren dar espello e voz á "xente miúda", que conta historias de quen sofren a Historia, e rescata palabras outrora moi usadas e que el aposta por revivir.
Hai tamén o Plácido orador, enerxía pura, que como profesor sabe tocar a tecla para que o estudante malote se acalme, para que a moza tímida se sinta segura, para que as súas aulas de Tecnoloxía sexan moito máis que aulas de Tecnoloxía, para que mesmo os que non fomos os seus alumnos sintamos a súa calor docente. O profesor querido.
O Plácido que tece discursos é tamén o Plácido político; político no sentido de que quere traballar para unha sociedade mellor. O político que gasta horas e horas, teléfono e gasolina sen recibir nin un céntimo de beneficio. Un home tan consecuente nas súas ideas como herculeamente doce coas persoas. Iso é algo que recoñecen todos e todas as que compartiron batalla con el, nun ou noutro lado das discusións. Cre nas capacidades do país galego para saír adiante e rexeita toda explotación. Para el, Rosalía, Castelao e Marx danzan nos evanxeos. A igualdade e a xustiza non poden ser palabras nun papel. Teñen que existir.
Desde mediados dos 90, cando o coñecín, o Plácido deu en usar a palabra "camaradiña", como un apelativo afectuoso. Pouca xente sabe que iso vén dun tema do brasileiro Jorge Ben, onde se canta: "Todos meus amigos, meus camaradinhas me respeitam. Pois é! Essa é a razão da simpatia, do poder, do algo mais e da alegria". Que versos tan acaídos para o noso Plácido! O seu "algo máis" estará connosco para sempre.
[Foto de Carmela Queijeiro. Artigo publicado no xornal La Voz de Galicia, no pasado 29 de febreiro.]
Assinar:
Postar comentários (Atom)
Nenhum comentário:
Postar um comentário