Póñome a teclear, indeciso sobre se quero escribir en realidade sobre iso que titulo. O outro día, cando me puxen a tirar poeira do blogue, vin que pendurara algo así hai catro anos. Mentres me lía, decateime de que cando o puña en 2015 estaba bastante máis triste do que podía parecer, e iso que só intuía que me debía preparar para outros momentos máis feos.
Bon... Vou tentalo:
Este foi o primeiro ano da miña vida que pasei case todo fóra de Galiza. O anterior, por exemplo, só fora a metade :)
Foi o ano en que publiquei o meu segundo poemario, o meu horocrux Inscricións, e escribín de novo bastante poesía.
Foi un ano en que tecín e consolidei moitas amizades, e iso é unha cousa sumamente feliz.
Foi un ano de moitas aprendizaxes, e non o digo como algo baleiro. Non é calquera cousa aprender cousas que antes non sabías, aínda que non todo o que se aprenda sexa medíbel.
Foi un dos anos da miña vida en que fun a máis concertos, e nalgúns choutei bastante.
Foi un ano en que sorrín moitísimo e en que chorei moi, moi profundamente.
Foi un ano en que me sentín belenense.
Foi un ano de elaborar moitos proxectos e non cumprilos, mais o importante era ir construíndo.
Foi o ano en que fiquei entusiasmado coas festas de xuño de Lisboa, que espero desfrutar máis e mellor en 2020.
Houbo moitas cousas boas, moitos lugares fermosos, moitas persoas brillantes... Mais agora, encanto escribo, teño moitísima máis vontade de lle dar as boas vindas ao 2020 que de rememorar 2019.
Ano vello, con ben vaias!
Ano novo, con ben veñas!
Nenhum comentário:
Postar um comentário