As redes sociais foron desasistindo a escrita en bitáculas coma esta.
As morriñas natalicias, ou as fantasmas dos natais pasados, fanme no entanto voltar a ollada para aquí e decídome a encher unhas liñas, nada máis sexa por matar saudades.
Síntome en tantas cousas tan diferente da persoa que decidiu abrir este blogue que mesmo me parece que non pasaron doce anos, senón toda unha vida. E doce anos, aínda que son bastantes, non son unha vida.
Penso, para min, sobre aquilo que continúo a ser e aquilo que xa non son. Non é unha conta fácil nin en silencio, así que non a vou pór por escrito :)
Que podo teclear que si sexa contábel? Pois que teño xa case terminado un poemario que penso publicar para 2020. O libro foi todo el escrito en 2019, todo el elaborado no meu telemóbel e só peneirado no portátil. Nun momento, ía incluír un texto que escribín en 2018 e ao final decidín deixalo fóra.
Estou ás voltas co título. Os versos decidiron que facían parte dunha obra cando o frontispicio era Só se pode ser inxenuo. Porén, agora hai outros dous posíbeis nomes que tamén piden paso: O camiño do peito á boca e Quen me queira ver sorrindo, que me procure no Instagram.
Talvez podería facer unha votación. Xa veremos.
Teño que pensar tamén que facer con todos os poemas cos que estou razoabelmente satisfeito porén non conseguen sitio nos libriños que vou publicando. Tamén niso, xa veremos.
Ánimo e bo camiño!
Nenhum comentário:
Postar um comentário