18 de dez. de 2020

Sobre Atravesar o fantasma e o enigma do diván


Os blogues naceron para recoller a inmediatez do que acontece, mais ese foi xa un espazo ocupado polas axilísimas redes sociais. Penso, pois, que non fica de máis pendurar aquí documentos de hai algún tempo, mesmo dun lustro. É o caso deste texto, que foi o que Fran Conde, profesor de Filosofía na USC, leu na presentación en Santiago de Atravesar o fantasma. Aliás, o inconsciente non entende do tempo...

Entendo que se o Carlos me invitou foi para que falase de psicanálise e non tanto de literatura. De seguro que outras nesta mesa poden valorar e apreciar a calidade literaria do poemario mellor ca min. Eu só podo dicir que me gustaron moito estes poemas, estes poemas cun contido nin de optimista nin de pesimista, senón como percorridos pola madurez, pola claridade para consigo mesmo, malia que o Carlos estea aínda por idade seguro que antes do medio do camiño.

Estes poemas que me serven en certo sentido tamén de espello, espello porque comparto como vítima e tamén como beneficiario “o enigma do diván” (páxina  11). O enigma tamén do propio corpo, do “eccema” (11),  que debe ser descifrado no diván, o enigma que é o corpo do outro en forma de “sete” (11), que é en realidade o propio corpo ao lado do corpo do outro.

Espello tamén porque do feito de seren eu tamén analizante vexo nestes poemas decantado, concretado, sedimentado coa certeira precisión do poeta o que significa pasar polo “teatro sen aplausos do diván” (57).

Poemas que serven de espello porque por desgraza para case todos hai mortos que teñen o estado de “non morto” (17) –pai, nai, irmán, tía…-, porque hai mortos que hai que matar para que poidan descansar eles –tódolos galegos temos conciencia disto, de que os mortos que non morren ben non descansan, senón que andan polas encrucilladas penando- pero tamén para que un mesmo poida vivir algo máis en paz. Para como Carlos deixar de ser “o fillo dun morto” (18) ou seguir séndoo pero algo menos. Hai mortos que están demasiado vivos, e non falamos precisamente dos zombis –por certo tema sobre o que o poeta aquí presente tamén nos podería ilustrar, sobre zombis e sobre vampiros.

Ás veces cando pasan os anos e un continúa angustiado, agardando que volten eses mortos (19), soñando con que regresen para que endereiten a propia vida (20) non queda outra que poñer en palabras “o medo gardado no medio da casa” (16), e pasar polo diván.

O “teatro sen aplausos do diván”. Certamente si un teatro –por moito que a Deleuze e a Guattari no Antiedipo non lles gustara -, un teatro onde desfilan todos eses personaxes que tiveron algo que ver na Nosa historia. Un teatro “sen aplausos”, máis ben silencioso ou modesto.

En todo caso, un teatro onde o único aplauso que un se pode dar a si mesmo aparece cando se toma conciencia, dito en freudiano, da pulsión de morte, dito en lacaniano, do gozo, dito en calloniano, das “tentacións suicidas” (58), do “recoñecerse sempre onde señorea o fracaso”, é dicir, cando un descobre o seu particular modo sufrinte de estar no mundo, e decide que hai que conseguir “abrir o desexo, ver e tocar outro camiño, quebrar as xanelas” (58).

Ás veces non queda outra que pasar pola experiencia da psicanálise, porque máis ca unha doutrina ou unha terapia, a psicanálise é unha experiencia, unha experiencia para “literaturizar o medo para afrontalo e vencelo” (40), “procurar o cadro racional onde enmarcar o que nos pasa” (39), “dar versos ás angustias” (52). Poñer en palabras, buscar os nomes que faltan, delimitar os baleiros en torno aos que xira o propio discurso.

Porque certo que o desexo non é máis que os baleiros entre as liñas (31), aquilo que hai que interpretar, aquilo que non aparece hai claramente, aquilo que nunca se chega a dicir por enteiro. Certo que no desexo “só hai restos, enxames confusos” (58), pero restos que de ser precisados permiten pasar da desidia ao desexo, permiten que un día un deixe de chorar por nada, “para un día poder chorar por algo” (que é o título da terceira sección do poemario).

A psicanálise entón porque hai que conseguir poñerlle nome ao propio amor sen nome, por moito que o proceso sexa en ocasións tan doloroso que “flúa sangue polos propios poros” (31), que é a única maneira de verdadeiramente amar, saber como de peculiar é un para poder amar verdadeiramente e non amarse simplemente a un mesmo no outro, non pedirlle ao outro que sexa o que un ve nel, non asfixialo senón recibilo como algo que é verdadeiramente Outro.

E logo, e logo está o lobo. Logo está a mísera orde social, “o lobo que constrúe casas e derruba soños” (21), que fermoso este verso. Unha orde social que fai calar o desexo se os ditames da moral de turno non o consideran apropiado, que obrigan a que alguén “teña medo de sacar a máscara” (25), que sospeitan e que obrigan a calar, que obrigan a deixalo todo “no segredo inconfesábel” (26), que obrigan a sentir que hai un inferno no corpo adolescente (27) daqueles que senten diferente a como hai que sentir, que infunden a vergoña e a resignación, que, cito, “agocharon a miña mesma existencia e me ocultaron tanta verdade” (28), aqueles que din que un non é da súa acera (30), cando en realidade todos vamos sempre inevitábelmente un pouco cada un pola súa acera ou mesmo polo medio da rúa.

Orde social, en definitiva, que tolera o que non lle gusta tan só como ghetto: “Grazas, tolerantes, por tanta liberdade” (36), orde social que obriga a non poder coñecerse pola rúa tras o encontro amoroso no íntimo (37).

E todo finalmente nada máis que para abrirse de novo ao amor, pero agora xa un novo amor, que é case, como “outra saída do armario” (39), unha especie de comezo na vida di o psicanalista lacaniano Jacques-Alain Miller.

Todo porque hai que “destruír o nome” (título do poema da páxina 59), destruír ese nome que se nos impón dende dentro pero como se viñese dende fóra, ese nome que impide acceder ao que un quere ser e ao que autenticamente é, cousas que ao final deberían ser o mesmo, destruír o nome imposto, nin Penélope nin Ulises, nin finado de Callón, senón nada máis pero nada menos que Carlos.

Un Carlos que coma todos seguirá a ter os seus problemas de amores: atopará cebolas coas que poder chorar, pero coa diferenza de que será el quen as plante, terá as dúas “débedas insaldábeis”, e continuará ferido, pero vivo.

Dicía ao comezo que o libro serviume de espello, pero é que o libro está realmente cheo de espellos  (38, 52, 55, 58, 60). O espello como o lugar onde mirar con calma a propia imaxe, é dicir, onde buscar a propia identidade, unha identidade que está sempre noutro lugar, porque ela non é máis ca propia busca. E algo desta busca en definitiva debe ser a psicanálise e entendo modestamente que tamén algo disto debe ser a boa literatura e por extensión a boa poesía. Vós sabedes seguro máis disto e por iso cedereivos de seguido a palabra.

En todo caso, agardemos que o Carlos se equivoque e que non haxa que agardar aos seus 70 para brindarnos un pouco máis de boa literatura e de boa poesía.