O triángulo rosa
A destrución nazi do primeiro grande movemento homosexual
Estamos en maio de 1933 en París. O médico alemán Magnus Hirschfeld,
considerado o primeiro activista homosexual da historia, leva meses
nunha xira mundial de conferencias para divulgar os seus postulados.
Sabe desde hai moito cal é a burla pública que hai que padecer por
defender “os amores sen nome”, por reclamar a súa despenalización e a
súa igualdade legal.
Podémolo imaxinar paseando por esa primavera parisina, talvez a
matinar no seu próximo acto, talvez a improvisar un balanzo da súa vida.
Nuns días fará 65 anos e pode sentirse satisfeito ao ollar para atrás.
Quizais lembre como a indignación lle fixo ferver o sangue ao saber do
xuízo que levou a Oscar Wilde aos traballos forzados no cárcere de
Reading. Hirschfeld, daquela con 29 anos,
decidiu que non abondaba con facer escritos anónimos en defensa da
homosexualidade. Cumpría organizarse, unir xente, actuar. Así, creou o
primeiro movemento político contra a homofobia, o Comité
Científico-Humanitario, que elaborou un novidoso discurso de
lexitimación e procurou o respaldo de persoas de prestixio público para a
súa causa.
Non poderá deixar de ter presente o seu outro grande éxito: a
creación en Berlín, durante a República de Weimar, do Instituto para o
Estudo da Sexualidade, con consulta médica, un museo, servizos
educativos e unha grandiosa biblioteca onde se pretende compendiar todo
o saber sobre o tema. Durante a xira internacional destes meses que
agora o trae a Francia, Hirschfeld compilou máis información sobre as relacións entre mulleres e entre homes, que enviou ao fondo documental do Instituto.
O heterosexismo nunca lle puxo fácil o seu traballo. Non foron só
insultos, tamén chegaron os golpes, como aquela vez que, tras unha
reunión, mallaron nel e o deixaron tirado na rúa, sangrando pola cabeza.
Mais aínda resistiu e resiste porque se sabe coa forza da xustiza e da
razón. Sabe desde hai moito que aínda que os barcos estean máis seguros
no porto, os barcos non se constrúen para iso.
Asumiu os inimigos, as barreiras, os prexuízos e, pelexando, sentiu
que conquistara para o futuro espazos inexpugnábeis. Mais desacougábao o
que estaba a acontecer no seu país. Antes de partir nesta viaxe, as SA
interrompían continuamente os seus actos e o seu nome figuraba como
“destruidor da xuventude” nos documentos nazis. Que podería pasarlle se
continuase aló?
Cómpre distraerse no cinema. Está en París, é primavera e aínda non
saíron os diarios vespertinos. El é un apaixonado da sétima arte e no
seu haber ten tamén o primeiro filme da historia que denuncia a
homofobia: Diferente aos demais, de 1919. Antes da película, como
é costume, proxectan o noticiario coa actualidade do mundo. Na
escuridade, os pequenos óculos de Hirschfeld
espellan os fotogramas de horror e destrución do informativo. No seu
país os camisas pardas e as Xuventudes Hitlerianas comezaron cunha
semana de queimas de libros que van contra “a decencia”. Desfilan diante
dun edificio e saquean a biblioteca que contén; poucos días máis tarde
queimarana en praza pública. A xente que está ao carón de Hirschfeld
na escuridade non se decata do que el sente ao recoñecer nesas imaxes o
Instituto para o Estudo da Sexualidade. Todo o traballado na súa vida,
todo o conquistado contra o estigma, todo o recuperado do esquecemento,
todo o festexado, todo o investigado... Absolutamente todo foi destruído
e borrado.
Os libros arderon ben nesa semana en diferentes puntos de Alemaña. A
principal lagarada, na Praza da Ópera en Berlín, amosou a pretensión de
destruír toda memoria e toda voz que non fose entendida como útil para o
mundo uniforme que proxectaba o fascismo. Así o sinalaba esa noite o
infame Goebbels diante de 40.000 persoas: “Estas chamas non só
simbolizan o final dos vellos tempos, senón tamén o principio dunha nova
era”.
Como é bo de ver no caso do Instituto para o Estudo da Sexualidade,
sofreron as consecuencias dun xeito singular os movementos
socioculturais que comezaban a emerxer e que pretendían dotar de
referentes a grupos sociais marxinados. As revistas homosexuais e os
espazos de ambiente tamén se clausuraron.
Hirschfeld morrería dous anos despois, no
exilio, mais outros colaboradores do Instituto padecerían mortes máis
atroces. Hai que ter en conta que o mesmo día que irromperon na súa sede
para destruír libros, revistas, folletos, opúsculos e outros
documentos, incautaron os arquivos, dotándose dunha extraordinara lista
negra de “desviados”, que sumaron ás fichas policiais acumuladas durante
os anos precedentes de lexislación tamén homófoba.
Os que non fuxiron a tempo foron recluídos nos cárceres alemáns,
sometidos a programas de reeducación ou castración. Unha parte deles
tivo axiña un outro destino. O cálculo máis baixo nos últimos anos
sinala que uns 10.000 entraron nos campos de exterminio e que morrerían
uns 6.000. Pesquisas de 2007, con expedientes antes non coñecidos en
territorio da RDA, fixeron multiplicar o cómputo até os 55.000. Calquera
das cifras produce calafríos, aínda que poida parecer pequena ao carón
dos 6 millóns de xudeus asasinados polo nazismo. Dos grupos encerrados
nos campos, aínda que o homosexual non é cuantitativamente o maior
(tampouco o menor), si é no que se produce unha maior mortandade, dentro
dos “non xudeus”.
A persecución da homosexualidade tivo varias particularidades
perversas. A principal, que as vítimas por este motivo non foron en
ningún momento resarcidas. Están unidas niso á sorte dos ciganos, cuxa
deportación se considerou unha política lexítima do estado por parte da
RFA, polo cal non se tivo en conta o seu dereito á restitución. Un de cada
catro roma europeos foron asasinados no Holocausto. A súa historia está
aínda por difundir.
Os homosexuais foron o grupo social historicamente máis excluído das
listaxes dos eliminados polo nazismo. Mais as evidencias chaman por
nós. Alén da condena con todas as letras por ese motivo, da creación dun
departamento especial da Gestapo para esta persecución, nos campos de
concentración obrigábanos a se identificaren con visíbeis triángulos
rosas invertidos nos seus uniformes. Estaban situados no degrao máis
baixo dos prisioneiros e eran obxecto tamén da raiba ou dos abusos
sexuais doutros condenados. Tanto é así que mesmo houbo perseguidos
políticos aos cales obrigaron a vestirse co uniforme do triángulo rosa
como forma de tortura adicional.
Existiu a persecución, vaia se existiu, mais as súas historias
armarizáronse, recluíndoas a un neurótico espazo de monólogo interior.
Silenciaron durante medio século a persecución contra a homosexualidade,
como se o castigo fose xusto pola gravidade do desexo. Así, a maioría
dos prisioneiros por ser homosexuais durante o nazismo foron
prisioneiros por ser homosexuais tras o nazismo, só que xa non nos
campos de concentración. Os que non volveron entrar na cadea tiveron
vergoña de contar as súas historias, morrendo con elas.
Nos comezos da década de 80 publicouse unha autobiografía dun
deportado alsaciano, Pierre Seel, selvaxemente violado e torturado, que
viu como espiron o seu amante en público e lle apurraron uns cans até o
devoraren vivo.
Anos máis tarde, Richard Plant presentou a súa pesquisa The Pink Triangle.
Plant faleceu en 1998, polo cal non puido asistir ao grande fito na
recuperación da memoria do triángulo rosa: o emotivo documentario Paragraph 175,
intitulado así polo artigo legal que penaba a homosexualidade. No
momento da gravación, os poucos sobreviventes tiñan máis de 90 anos e
nin todos quixeron deixar o seu testemuño.
Tras a estrea do filme, comezouse a pedir perdón oficialmente e
procuráronse as medidas para recoñecer e compensar estas vítimas. Xa
case todas morreran.
(Publicado no xornal Galicia Hoxe, 02-02-09. Fotografía de Manfred Baumgardt, Berlin / U.S. Holocaust Memorial Museum)
Nenhum comentário:
Postar um comentário