4 de fev. de 2022
O libro negro da lingua galega
Desde hai uns aniños veño traballando sobre a historia da represión e silenciamento do noso idioma. Como resultado, en poucos meses vai saír O libro negro da lingua galega, onde expoño desde leis até multas pasando por discursos, censuras, agresións... Comezo nos finais do século XV e chego até os finais do século XX.
Estou satisfeito por dar sistematizado máis de mil casos dispersos e tamén por todo o que (grazas ao mergullo en arquivos e a testemuños moi valiosos) vou poder presentar que estaba enterrado e ignorado. Hai tanto por facer, tanto por coñecer...!
Ando agora a ultimalo e aquí é onde chega o motivo desta mensaxe. Quero, necesito, pedir a túa axuda.
Do mesmo xeito que neste traballo silencioso fun recollendo testemuños, pídoche que me axudes a conseguir algúns máis. Hai acontecementos que afectan de xeito directo só a unha persoa ou a unha pequena comunidade e que, porén, escintilan sobre o conxunto: aquela vez que a túa nai a castigaron de xeonllos por falar en galego nas aulas, aquilo que che contou o avó de que lle bateron coa regra nas mans por dicir aquelas palabras prohibidas, o que che aconteceu a ti cando se negaron a atenderte nun comercio porque empregaches o teu idioma, aquel problema no traballo pola túa lingua e que non podías denunciar por medo a represalias, aquela ou aquel bebé que non se podía rexistrar por ter o nome en galego...
Agradezo moitísimo que se deixe esa información, for como comentario for a través do correo electrónico olibronegro@carloscallon.com
Agradezo tamén moito que se partille esta mensaxe, para poder chegar a máis xente.
Viva a nosa lingua!
Assinar:
Postar comentários (Atom)
Nenhum comentário:
Postar um comentário