17 de mar. de 2022

Os pesimistas tamén se enganan


Os pesimistas tamén se enganan

Cando nos detemos a pensar sobre o pasado, o presente e o futuro do galego, hai dúas preguntas fundamentais que temos que nos facer en voz alta. A primeira, por que o idioma nado para ser o natural da Galiza -de aí o seu nome: galego- non deu consolidado até o momento o seu espazo social. A segunda, por que unha fala reprimida fisicamente por séculos nas escolas (ao menos de 1543 a 1980, como documentamos no Libro negro da lingua galega), afastada dos templos (nunha exclusión que non padeceron catalán nin vasco) e desprovista de todo auxilio institucional durante medio milenio conseguiu sobrevivir e mesmo aspira a deixar atrás todos os confinamentos.

Houbo varias bocas agoireiras que, xeración tras xeración, pregoaron o inminente fin do noso idioma e lle cantaron os responsos: "está llamado a desaparecer" (1877), "el  dialecto ha desaparecido" (1888), "que huye, que se esconde, que se fusiona, se bastardea, se muere" (1888), "un paso más y la lengua gallega desaparece" (1906), e tantas outras profecías anunciadas por persoas que xa van alá, en canto a lingua continúa acesa nas bocas e nos corazóns. Do mesmo xeito que naqueles filmes de serie B en que se dá por morta e sepultada unha persoa e surte unha man vitoriosa de entre a terra remexida, así a proscrita "lingua B" dá a sorpresa e rexorde cando pouca xente a agardaba. Tanxugueirízase.

Esta constatación, que é tamén un voto esperanzado nun destino por labrar, non cae na negación dunha realidade de “emerxencia lingüística”, como ben sinalou nestas páxinas Marcos Maceira. Ninguén pode desmentir a crúa hemorraxia de falantes que nos lembra o inquérito de Sondaxe, nin que no ano 2022 perduran vetos impropios destes tempos. A situación máis grave dáse no ensino, cun decreto de “plurilingüismo” cuxos efectos lesivos saltan á vista en todos os estudos que se publican. O que en 2009 era advertencia, hoxe é confirmación.

A evolución do galego non ten nada de especial dun punto de vista sociolingüístico: pode florecer ou recuar segundo foren as políticas das administracións. Nin máis nin menos. Do mesmo xeito que outros idiomas que estiveron en risco e se recuperaron, o da Galiza pode deixar atrás a precariedade se se tomaren as medidas. Nin o Goberno galego nin a inmensa maioría dos concellos van hoxe nesa dirección. Oxalá muden o rumbo e que non venzan os dos responsos.

(Publicado no xornal La Voz de Galicia no pasado sábado, 12 de marzo de 2022).

4 de mar. de 2022

A capa final d'O libro negro da lingua galega

A capa gañadora para O libro negro da lingua galega, con 40,1% dos votos, foi...

(Obrigado a toda a xente que votastes, argumentastes o voto, fixestes propostas... 🥰 Xa falta menos para que saia e vén cun feixiño de documentos inéditos e temas de debate).
 
Viva o galego!