Chamada ás formiguiñas
Acabamos de pasar unha nova volta ao sol. Após o inverno, tornará a primavera; máis unha para o galego, a pesar dos responsos e vergoñas. Pouco antes de se abriren as flores temos na axenda unhas eleccións autonómicas. Nas nosas mans está que sexan o exordio dun tempo novo.
Con certeza, non hai nada máis importante para o galego que estas votacións. Animo todas as persoas con afecto pola lingua a colaboraren para que haxa unha participación decisiva, que faga posíbel a mudanza de goberno. A sociedade galega precisa oxíxeno en moitos ámbitos. O idioma é un termómetro.
Ben sei, no entanto, que non podemos fiar todas as nosas esperanzas á armazón institucional. O activismo cotián continúa a ser chave. Para esas dúas pernas (administracións, sociedade) achego estes cinco propósitos para 2024:
1) Cómpre centrarmos esforzos no ensino. Non hai lingua que se restaure e revitalice sen ter a escola como apoio, moito menos se a ten en contra. O mal chamado Decreto de Plurilingüismo é o principal tóxico que respiramos nestes momentos. Deben prohibirse as prohibicións ao galego.
2) Alí onde xa hai formacións políticas sensíbeis á nosa lingua nas administracións locais, é preciso que asuman a emerxencia. Urxe colocar obxectivos de galeguización interna e externa e avanzar para cumprilos. O primeiro paso é que debe haber un aumento significativo dos orzamentos para ese fin, cun control rigoroso das partidas.
3) Tamén será balsámico para o galego cultivar a pluralidade nas institucións culturais do país, que favoreza unha explosión de diálogo e vida. Que se abran as xanelas e as portas, na liña do que xa indicou no seu día Francisco Fernández del Riego. Deberiamos facer tamén todo o posíbel, máis aínda após este fanado centenario do Seminario de Estudos Galegos, para que o Instituto de Estudios Gallegos Padre Sarmiento estea á altura da persoa de quen leva o nome e dos seus alicerces, saqueos do franquismo.
4) É crucial afortalarmos o activismo de base, congregado en especial na Mesa e na plataforma Queremos Galego. Os principais adiantos que conseguimos nestes anos foron grazas aos logros impulsado por estas formigas perspicaces e teimudas. A Iniciativa Xabarín mostra a senda: participativa, clara e ben explicada, con éxitos palpábeis e cun horizonte para avanzar.
5) Nesta última volta ao sol fixéronse corenta anos da Lei de normalización lingüística e vinte do acordo de normativa oficial do galego. Tanto a Lei como as normas merecen sentar e falar. É saudábel que a roupaxe gráfica avance na confluencia co resto do sistema lingüístico que naceu no reino da Galiza e que teñamos unha Lei garantista, que protexa e defenda o dereito lexítimo a vivirmos no noso idioma.
As grandes travesías empréndense con pasos curtos. Camiñamos, formiguiñas?
(Artigo publicado no xornal El Correo Gallego).